SIMONA KANTCHEVA VELIKOVA

Nacín en Varna (Bulgaria), unha fermosa cidade na costa do Mar Negro con moitas tradicións culturais, festivais musicais e competicións internacionais. Dende que teño recordos, sempre tiven un piano ao meu lado e tocar o piano foi e segue sendo o meu entretemento favorito que se converteu nunha profesión. O meu pai era trompa da Orquestra  da Ópera de Varna e moitas veces ía con el aos ensaios, actuacións e concertos. Estudei dende os cinco anos con E. Tsvetkova na Escola Nacional de Artes de Varna, na que me graduei con honras. Continuei os meus estudos na Academia Estatal de Música de Sofía (Conservatorio Superior) coa pianista L. Stefanova e afondei os meus coñecementos no campo da teoría musical cos profesores máis destacados. Despois de graduarme, participei no concurso oposición para profesor a tempo completo na Escola Nacional de Artes de Varna (Conservatorio Profesional), onde traballei ata a miña chegada a Galicia. Dende 1999 colaboro como pianista acompañante na EAEM con numerosos concertos, recitais, encontros orquestrais e clases maxistrais con profesores como D. Hope (violín), J. Moser (cello), E. Terwilliger (trompa) e S. Schilli (óboe) entre outros.

Participo a miúdo nos proxectos da Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, as Bandas Municipais de Santiago e A Coruña, o Coro da OSG e diversas formacións de cámara tocando piano, celesta, órgano ou clave. Traballei cos directores P. Daniel, D. Slobodeniuk, R. Marbá, M. Zumalave, J. Mena, J. López Cobos e moitos outros.

Desenvolvín actividade pedagóxica en diversas escolas de música de Santiago, e dende 2011 formo parte do profesorado da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Gustaríame ensinarlle ao meu alumnado non só os coñecementos que recibín do meu profesorado, senón tamén o amor pola música e a capacidade de gozar dela.

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba