ADRIÁN SAAVEDRA NIETO

Nado en Cerponzóns (Pontevedra) son grao profesional en Piano Clásico e título superior en Composición pola Escola Superior de Música de Catalunya, así como Premio Martín Códax da Música 2019 na categoría de Música Clásica/Contemporánea.

Dende sempre as miñas inquedanzas foron dende a vertente máis escolástica clásica / contemporánea, ata as tendencias da música popular actual, coma o jazz, o soul, as músicas do mundo… Ademais de intérprete de piano e compositor, traballo como arranxista e produtor musical para distintos artistas da xeografía galega, como Píscore, Hércules Brass, Marcelo Dobode, Nastasia Zürcher, A Banda da Loba, Abraham Cupeiro ou Pablo Lesuit.

Teño unha relación moi directa cas bandas de música do país, para as que traballo asiduamente, como a Banda Municipal da Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Silleda, entre outras, a raíz da presentación en 2010 do proxecto The Rock Band Show, para grupo de rock e banda de música. A partir deste proxecto xurdiron unha serie de encargas para distintas formacións ata o día de hoxe: Kallah Pallah, Odaiko Sinfónico, Vaia Banda, María do Ceo, Emilio Rúa, Banda de Gaitas de Forcarei, Abraham Cupeiro, Píscore…

Para orquestra sinfónica, colaborei en proxectos didácticos co grupo de metais Hércules Brass e a Orquestra Sinfónica de Galicia (2015) con Abraham Cupeiro gravei o disco Os Sons Esquecidos ca Real Filharmonía de Galicia(2017) e o proxecto Panxea gravado ca Royal Philarmonic Orchestra, nos Estudios Abbey Road de Londres.

Como compositor para medios audiovisuais, traballei ata en 4 ocasións coa directora celanovesa Xudit Casas no xénero da curtametraxe, coa que presentei Sobre a morte do Bieito (2009), Carta a Rosalía/Curta de Rosalía (2010), Recomposto (2011) e Tercera Oportunidad (2012). En 2017 publico a curtametraxe Insomnia dirixida por Ana de Nevado (Madrid).

Como produtor musical podo destacar os seguintes títulos publicados:

     •          Os Tres Tenedores “Cocido Sinfónico” (2014)

     •          Puntada sen fío “A lúa prendeu a luz” (2015)

     •          Odaiko e Vanesa Muela “Camino de vuelta” (2016)

     •          A Banda da Loba “Bailando as rúas” (2017)

     •          Nastasia Zürcher “BEAT” (2017)

     •          Marcelo Dobode “Turoqua” (2019) 

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba