EVA Mª PATO MARTÍNEZ

“Anda ho! Que se foras un cativo compraba unha batería para min, un acordeón para ti e íamos tocar por aí ás festas”. Así me picaba papaíño e aí empezou a historia musical. A batería nunca a houbo, acompañábame cun par de culleres da sopa nas reunións familiares e mamaíña carretaba no acordeón dun lado para outro cando aínda non se impartía nos conservatorios en Galicia. Houbo moito que sachar! Iamos examinarnos de acordeón a Barcelona da man de Virxinia Calvo e do resto de materias a Vilagarcía, A Coruña, Ferrol…

Fun probando varias músicas e formacións: clásica (Quinteto Fancelli), variedades (Orquestra de Acordeóns de Sta. Icía), folk (Ménades), rock (Charetas), coas que tiven oportunidade de gozar dos escenarios acadando algúns premios e vivencias únicas. En todas aprendín moito do que non se aprende no conservatorio.

Asistín a cursos de perfeccionamento, técnicas avanzadas e clases maxistrais con Oleg Sharov, Ángel Huidobro, Jaques Mornet, Teodoro Anzelloti, Victor Prieto e actualiceime nas materias de harmonía moderna, educación auditiva e rítmica con Suso Atanes, Abe Rábade e Leo Pimentel, ao rematar a carreira.

A raíz de consecutivas doenzas musculares intereseime pola técnica Alexander realizando cursos con Anne Landa, Gabriel Evens e Donald Kirkley.

A docencia gustoume cada día máis, así que intento estar ao día neste senso, acudindo a cursos de intelixencia emocional con Mar Romera, lendo artigos sobre educación e aprendendo do resto de compañeiros e compañeiras cos que me coincide traballar.

Actualmente asisto a aulas de canto con Mario Cabuche. E a máis materias asistiría se puidese co moito que me gusta a música!

Como son moi traballadoriña e implicada, durante uns anos asumín os labores de xefatura de estudos na Escola Municipal de Rois.

Síntome moi agradecida polos valores que me trasladaron meus pais envelenándome con esta afección coa que fixen carreira e que me leva a relacionarme con persoas e familias realmente lindas. Considérome defensora dos animais e adoro a miña profesión!

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba