FERNANDO REY IGLESIAS

Comecei a tocar a trompeta na Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla aos 6 anos co meu mestre Delio Represas Carrera. El ensinoume moitas cousas mais fundamentalmente a amar e querer a música en xeral, e a trompeta en particular. Ante a miña cada vez máis crecente afección pola trompeta e pola música, decidín entrar no Conservatorio de Santiago de Compostela aos 10 anos, onde cursei o grao medio. Uns anos máis tarde fun alumno da Escola de Altos Estudos Musicais, onde tiven a ocasión de estudar con Javier Simó Echarte. Para proseguir coa miña formación trasladeime a Vigo onde tiven a oportunidade de recibir clases de Jose Vicente Simeó, Javier Viceiro Filgueira, Luis González e Adolfo Caride no Conservatorio Superior de Música desa cidade. Durante toda esta etapa de aprendizaxe e para complementar a miña formación asistín a numerosos cursos de perfeccionamento instrumental con grandes solistas nacionais e internacionais como Luis González, José María Ortí Soriano, John Aigi, Mireia Farres, Manuel Blanco, Bo Nilsson, Pacho Flores etc.

As bandas de música forman unha parte fundamental na miña vida e con moitas delas, tanto da xeografía galega como portuguesa, tiven a ocasión de colaborar. No eido sinfónico tamén toquei con numerosas orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Ciudad de Granada, Orquestra Clásica de Vigo, Orquestra 430, Orquestra Cidade de Pontevedra, Orquestra de Viana do Castelo etc .

De xeito moi natural descubrín que me encantaba dirixir música polo que decidín asistir a clases de dirección con Juan Lois Dieguez e Javier Viceiro Filgueira. Nestes momentos estudo dirección de orquestra sinfónica na Escola de Dirección Mestre Navarro Lara, no seu nivel superior, onde estou pendente do exame final para obter o título de licenciado pola Associated Board of the Royal Schools of Music de Londres.

Profesionalmente, son o director da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla do Concello de Vedra e tamén o subdirector da Banda de Música desa mesma localidade. Dende 2005 son profesor de trompeta e trompa da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e desde 2017 teño a enorme responsabilidade de dirixila.

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba