Comecei co violoncello no Conservatorio da miña cidade natal, Irún (Guipúscoa) cando tiña 10 anos de idade. Alí tiven a sorte de contar cun profesor como Iñaki Etxepare, que me ensinou a tocar e a amar o instrumento e a música. Uns anos máis tarde, e despois de estudar moitas escalas e arpexos (disto non se libra ninguén), accedín á Orquestra Xove do País Vasco (EGO). Despois tiven que saír fóra da casa para seguir estudando e aterrei en Zaragoza, no Conservatorio Superior de Música de Aragón, onde continuei a miña formación cos profesores Angel Luís Quintana, Mayte García e David Apellániz. En música de cámara tiven a sorte de ser, primeiro, alumno do Cuarteto Casals (daquela xa tiña raiado o seu CD dos cuartetos de Arriaga de tanto escoitalo) e, despois, do Cuarteto Quiroga.
Cando rematei os meus estudos superiores vinme para Santiago de Compostela, onde continuei formándome coa profesora Bárbara Switalska nas aulas deste edificio, dentro do programa da Escola de Altos Estudos Musicais. Durante toda a miña vida tiven a sorte de recibir clases de referentes do meu instrumento como Christophe Coin, Alban Gerhardt, Lluis Claret, Miguel Jiménez, Xavier Gagne Pain ou Herre-Jan Stegenga.
Unha das mellores cousas de facer música é poder compartir eses momentos con outras persoas. Ademais de ser titular da Orquestra Xove do País Vasco (EGO) entre os anos 2002 e 2005, tamén fun violoncello principal da Orquestra Xove da Comunidade de Madrid. Igualmente, colaborei con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra de Cadaqués, ou a Jeune Orchestre Atlantique. A música deume a oportunidade de coñecer mundo: viaxei por China, México, Alemaña, Francia, Bélxica, Italia, Portugal… Non me podo queixar!
Son profesor desta escola dende o ano 2011. Ademais, desenvolvo a miña actividade artística con agrupacións de cámara, orquestras, ou compañías de teatro (cústame estar moito tempo sen subir a un escenario) e teño no meu moble de CDs uns cantos discos nos que tiven a oportunidade de traballar, tocando estilos tan diversos como blues, rock, pop ou bandas sonoras.