Mario Diz é un músico que desenvolve a súa carreira profesional ligada a diversos proxectos. É director da OUSC (Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela), que dirixe desde o ano 2010 e discípulo do mestre Antón García Abril. Nos últimos anos realiza unha intensa actividade compositiva para diferentes agrupacións profesionais e didácticas, entre as que, recentemente, caben destacar estreas absolutas en diversos ciclos das Xornadas de Música Contemporánea organizadas polo CNDM e o encargo de tres pezas para banda por parte da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela en 2015.
Compuxo diferentes pezas para distintas agrupacións de cámara entre as que ten unha mención especial a estrea e gravación por parte da laureada mezzosoprano Nuria Lorenzo coa suite de nanas Todos os nenos soñan para a formación de mezzo, viola e arpa, así como Catrina e dona Francisca, conto musicado para orquestra sinfónica estreado no Salón do Libro de Pontevedra en 2018 pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
Actualmente é profesor de didáctica da expresión musical na Universidade de Santiago de Compostela.
De 2008 a 2016 foi membro do equipo directivo da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, onde actualmente exerce como profesor de violín e viola. A súa paixón pola didáctica destes instrumentos reflíctese na publicación do libro Mi primer violín para a iniciación en idades temperás, que inclúe máis de vinte pezas compostas expresamente para este obxectivo; tamén en numerosos estudos comparados sobre as diferentes metodoloxías de ensino da corda friccionada cos que obtén o título de máster en teatro e artes escénicas pola Universidade de Vigo.