Comecei os meus estudos musicais aos 7 anos na Escola de Música da miña aldea, Merza, que ten unha longa tradición musical. O meu primeiro profesor foi Xosé Benito Saborido. Despois duns anos na escola, matriculeime no Conservatorio Municipal de Lalín, onde recibín clases de Juan Carlos Mazás. Ao acabar o grao profesional decidín cursar os estudos de grao superior, primeiro en Oviedo, no Conservatorio Eduardo Martínez Torner co mestre Antonio Cánovas, e máis tarde no Conservatorio Superior de Música de Vigo cos profesores Alejandro Cabalar, Rafael Yebra e Alejandro Cimadevila. Ao mesmo tempo asistín a cursos con mestres de renome como Marie Bernardette Charrier, Joel Versavaud, Manuel Miján, Andrés Gomis e Rodrigo Vila entre outros
Son membro da Banda Artística de Merza dende o ano 1992, coa que viaxei por Arxentina, Venezuela, Italia e Holanda. Non só viaxei coa banda da miña aldea, tamén gravei varios discos e asistín a concursos nacionais e internacionais, con moi bos resultados.
Tamén colaborei con moitas bandas da xeografía galega, como a Banda de Santa Cruz de Ribadulla, coa que gañei o primeiro premio en Vila de Senia (Tarragona), a Banda de Lalín, coa que fixen unha xira por Venezuela, pero sobre estas experiencias destacaría os dous anos que estiven como músico colaborador da Banda Municipal da Coruña.
No eido da ensinanza, fun profesor de saxofón na Escola Municipal de Padrón, na Escola Municipal de Moraña, na Escola de Música de Vilatuxe, na Escola de Música-Banda de Teo, na Escola Municipal de Música de Valga, na Escola de Música Municipal de Sanxenxo, naEscola de Música Municipal de Vila de Cruces e na Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).
Na actualidade e desde 2007 son profesor da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela. Tamén pertenzo a Asociación Sax Factory Factoría Galega do Saxofón coa que organizo o Encontro Galego do Saxofón no que participa o mellor profesorado desta materia.