Aínda que non veño dunha familia de músicos, tiven a sorte desde moi pequeno de crecer nun entorno moi musical, arrodeado de CDs e nunha casa onde se cantaba moito. Desde aquel momento a música converteuse no meu entretemento favorito.
Non sempre souben que quería a frauta como instrumento, apuntáronme na escola sen ter eu idea do que quería tocar. Nese momento decidín matricularme en frauta, pensando que sería a do colexio, e levei unha boa sorpresa no primeiro dia de clase descubrindo que era un instrumento moi diferente.
Así empezou a miña formación musical, con oito anos, na Escola Municipal de Música de Valdemoro.
Anos máis tarde, descubrín que ser músico era a miña vocación, e comecei a miña carreira no Conservatorio Profesional de Música de Getafe, con José Miguel Molina.
Tras esta etapa, estudei no Conservatorio Superior de Música de Sevilla, con Francisco Javier López, e paralelamente con Vicent Morelló (Real Orquestra Sinfónica de Sevilla) e Mónica Raga (Orquestra Sinfónica de RTVE); rematando en 2020 con cualificación de sobresaínte.
Ao mesmo tempo, realicei cursos de perfeccionamento cos profesores Jacques Zoon, Julia Gallego, Sarah Louvion, Jan Ostry e Philippe Bernold. Tamén gañei concursos como o 1º Premio do concurso de solistas da Orquestra Filharmonía de Sevilla, interpretando o concerto para frauta de Jacques Ibert, e o Premio de Fin de Grao das Ensinanzas Profesionais de Música, resultando finalista nos Premios Extraordinarios de Música da Comunidade de Madrid.
En 2020, pasada a etapa máis dura da pandemia cheguei a Compostela para estudar o Máster de Profesorado de E.S.O. e Bacharelato na USC.
Na actualidade compaxino a docencia na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela cos estudos de doutoramento no grupo de investigación Organistrum da USC.