Félix Rodríguez e Fran Rei: Breve Historia da Música Clásica
O pasado martes 19 de outubro ás 19:00h o Auditorio da Escola Municipal de Música acolleu o espectáculo ¨Breve Historia da Música clásica¨ a cargo de Fran Rei e Félix Rodríguez. Dita actividade estivo destinada ao alumnado da EMM que esa tarde asisteu ao ensaio de Coro e Bandiña.
Fran Rei e Felix Rodriguez ofreceron a preto de 60 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música unha divertida conferencia – espectáculo sobre os últimos 7 séculos da música, dende o Renacemento ata a actual música contemporánea, concentrados en 50 minutos moi ben aproveitados.
Breve Historia da Música Clásica é un repaso a máis de 700 anos de misas polifónicas, óperas, sonatas, sinfonías, fugas, unha antoloxía dos mellores compositores, unha selección das pezas clásicas máis populares e unha escolma dos termos e conceptos musicais segundo foron aparecendo. Máis tamén teñen o seu espazo as músicas e ritmos doutras latitudes, as compositoras (tantas veces esquecidas) e todas esas simpáticas anécdotas que a historia oficial tende a obviar.
Sempre dende o humor, e con música en directo para ilustrar a parola, o público puido saber, entre moitas outras cousas, en que consiste a escala temperada, cando e onde se estreou a primeira ópera, quen foi o primeiro director moderno de orquestra, que son os adornos e as notacións musicais, quen compón o dream team dos compositores clásicos ou diversas curiosidades sobre Beethoven, Mozart, Bach, Brams ou Wagner.
Breve Historia da Música Clásica non é máis, nin menos, que un divertimento, un achegamento á música culta a través do humor e para todos os públicos.