Hoxe arranca un novo ciclo de sesións didácticas da Escola Municipal de Música no marco do programa «Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM». Neste ciclo de concertos que se desenvolverá en catro sesións, participarán máis de 340 escolares de Santiago. O concelleiro de Educación, Rubén Prol, visitou esta mañá o auditorio da EMM,para asistir ao primeiro concerto, dirixido ao alumnado dos CEIP Apóstolo Santiago e Ramón Cabanillas.O Departamento de Educación do Concello de Santiago, a través da Escola Municipal de Música, pon en marcha por duodécimo ano consecutivo, un novo ciclo de sesións didácticas co obxectivo de promover o achegamento da música aos máis pequenos e pequenas da rede de escolas infantís do Concello de Santiago.
Este ciclo, que leva por título «Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM», está destinado ao alumnado do primeiro ciclo de primaria e desenvólvese no auditorio da Escola Municipal de Música (Predio de Vista Alegre, na rúa das Salvadas s/n) donde, a través dun conto musicado achégase ao alumnado participante unha gran variedade de instrumentos musicais que viven na Escola Municipal de Música de Santiago.
As sesións didácticas terán lugar entre o 14 e o 21 de marzo e teñen unha duración de 45-50 minutos, nas que se traballan aspectos como a altura das notas ou o ritmo, e os cativos e cativas teñen a oportunidade de escoitar en directo diferente tipos de instrumentos musicais.
Nas sesións desta semana participan os seguintes centros: CEIP Vite 1, CEIP Mestre R. Xixirei, CPR Casa do Neno, CEIP Apóstolo Santiago, o CEIP Ramón Cabanillas, o Colexio Nosa Sra. dos Remedios e o CEIP Monte dos Postes.