BLEUENN LE FRIEC

Nacín en Saint- Malo, na Bretaña francesa. Fun a unha escola bilingüe onde se falaba francés e bretón. Os nosos profesores facíanos descubrir a cultura bretoa e foi grazas a eles que coñecín a música celta.  Con 6 anos, convencín a miña familia para anotarme a clases de arpa celta e empecei cunha práctica musical vinculada coa música tradicional bretoa e coa música vocal.

Máis tarde marchei á Universidade de Rennes onde cursei a carreira de musicoloxía e empecei co estudo da arpa clásica motivada por coñecer un repertorio novo e tocar a arpa noutros contextos.

En 2004, fun vivir a Euskadi para continuar os meus estudos coa arpista F. Cambreling en Musikene, Conservatorio Superior do País Vasco. Vivir no estranxeiro, descubrir unha cultura nova e convivir con dúas linguas novas foron experiencias que nutriron moito eses anos. Nesa época tiven a sorte de integrar a JONDE (Joven Orquesta Nacional de España). Grazas a esa orquestra, puiden ter as miñas primeiras experiencias orquestrais e tamén viaxar por toda España, pero sobre todo coñecín unha chea de músicos españois da miña xeración.

Máis adiante decidín marchar uns anos a Alemaña para poder coñecer novos horizontes e ampliar a miña formación, nos conservatorios de Frankfurt e de Detmold. Nesa época, formei parte de varias academias orquestrais europeas (Gustav Mahler Jugendorchester, o Verbier Festival Orchestra et a Academia do Festival de Lucerna) que foron unhas experiencias fundamentais na miña formación.

En 2013, despois de traballar uns anos como arpista solista da Neubrandenburger Philharmonie en Alemaña, instaleime en Santiago de Compostela. Actualmente, son profesora de arpa celta na EMM de Santiago e dou clases de arpa clásica e música de cámara no Conservatorio Superior da Coruña. Toco regularmente como arpista invitada con diversas orquestras (Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Gran Teatre del Liceu, Orquesta Nacional de España) ou ensembles de música contemporánea (Ensemble Intercontemporain…) Formo parte de distintas formacións de cámara como o Dúo Finisterrae ou o Natalia Ensemble e colaboro con diversos músicos do panorama da música galega como Zumaque (con Pablo Pascual), Uxía, Xoan Curiel ou Carlos Núñez.

Acabo de terminar un máster en musicoterapia e no meu tempo libre encántame coller setas, facer ioga, coidar da horta, ler e cociñar.

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba