A Movida Chega á Escola – Concerto Fin de Curso da EMM

Martes 21 de xuño de 2022

Auditorio de Galicia ás 19 horas

Un ano máis, e tras o inevitable parón dos dous últimos anos debido á pandemia, a Escola Municipal de Santiago ten o enorme pracer de presentar o festival de fin de curso 2021/22. Este ano estará dedicado ao movemento cultural, social e musical denominado A Móvida.

O PORQUÉ DO FESTIVAL A MOVIDA CHEGA Á ESCOLA

A época da movida, lonxe dos seus excesos, estivo marcada por un enorme poder creativo e un desenvolvemento cultural sen parangón no século XX nas cidades de Vigo e Santiago. Sen ningún tipo de prexuízo nin estético, nin social nin mesmo ético, a orixinalidade das diferentes propostas culturais aínda a día de hoxe seguen resultando cando menos insólitas. O telón reivindicativo e de protesta co que presentaron as súas obras, constitúe unha recuperación dun dos valores piares da arte.

Estes tres puntos son a base a partir da cal se traballou na Escola:

  1. Creación e desenvolvemento artístico
  2. Esquecemento dos prexuízos
  3. Reivindicación e protesta a través da arte

Por outra banda, este festival aspira a ser o derradeiro da serie adicada á música galega. O que comezou en 2018 con A Muller Galega na Música, e seguiu en 2019 con 50 Anos de Canción en Galego, rematará con este A Movida chega á Escola. Este ciclo de festivais obedecen a unha necesidade importante que decidimos enfrontar na Escola, coa intención de sementar cando menos inquietude entre o alumnado:

  1. O achegamento dunha realidade musical e cultural moi importante en Galicia, a cal, debido ao paso do tempo e a diversas circunstancias sociais, económicas e políticas, caeu moitas veces nun esquecemento casi irrecuperable.
  2. A posta en valor deste enorme patrimonio musical e cultural fronte a outros movementos ou estéticas que, debido principalmente aos medios de comunicación e ás estratexias políticas e comerciais do tecido empresarial do mundo da música e da cultura, remataron por eclipsar as riquísimas propostas que apareceron en Galicia.
  3. A inclusión deste patrimonio dentro do programa regulado de ensino da Escola. Do achegamento e da posta en valor destas músicas, o alumnado pode darse perfecta conta da altísima calidade técnica das composicións e dos intérpretes que serven de eixo nos diferentes festivais, e tratar aspectos propios da técnica musical sobre esta base.

O CONCERTO

O concerto de fin de curso vai ser o fito fundamental e máis importante en torno ao cal se desenvolve este proxecto de centro. Como noutras ocasións, vaise traballar en torno a dúas agrupacións, unha delas de CORDA, que inclúe o combo, a orquestra e a orquestriña, e outra de vento, que está integrada polo conxunto tradicional, a banda e a bandiña. Os coros dan soporte vogal a cada unha das músicas que o precisan.

O concerto terá lugar no Aditorio de Galicia, o vindeiro día 21 de xuño ás 19 horas. O acceso será libre previa solicitude de entradas a través da secretaría da Escola Municipal.

Programa do concerto

  1. TÚ AL MONTE, YO AL MAR (M. Costas). Un tema de Aerolíneas Federales, da época con Rosa Costas, caracterizada por guitarras potentes e letras moitas veces surrealistas. Interpretada por: agrupación de vento, coro xuvenil e coro PEPA.
  • ALGÚN DÍA CAERÉ (P. Ramallo). Tema do grupo vigués Los Cafres, que en 1988 editaron o seu único álbum “SF 13 Tractor Cerebral”, cargado de punk e power garage, cun son crudo e duro, claramente provocador para todos os grupos amantes do son estilizado e hi-fi. Interpretada por: agrupación de vento, coro xuvenil e coro PEPA.
  • CUMBIA CHINA (Os Resentidos). Un dos grupos con máis personalidade da movida galega, que miraba abertamente cara ao rural e ás tradicións. As súas letras están cheas de retranca e incluíron con naturalidade instrumentos como a gaita, moitas veces vetados nestes contextos. Interpretada por: agrupación de vento, coro xuvenil e coro PEPA.
  • GALIZA CANÍBAL (Os Resentidos). Probablemente a canción máis célebre do grupo vigués liderado por Antón Reixa, hoxe convertida en case un himno. Contén a que pode ser considerada a frase máis cantada de toda a historia do rock galego. Interpretada por: agrupación de vento, coros PEX, coro xuvenil e coro PEPA.
  • CARABÁS (G. Coppini). Unha das voces máis carismáticas do pop galego, vencellada a grupos como Siniestro Total ou Golpes Bajos. Esta peza pertence á súa etapa en solitario. Interpretada por: agrupación de corda, coros PEX e coro xuvenil
  • SOY UNA PUNK (M. Costas/L. Santamarina). Este é unha das pezas máis representativas do grupo vigués Aerolíneas Federales. Interpretada por: agrupación de corda, coros PEX e coro xuvenil.
  • MALOS TIEMPOS PARA LA LÍRICA (T. Cardalda/G. Coppini). Un verdadeiro fito do grupo vigués Golpes Bajos, que, aínda a día de hoxe, segue soando igual de actual. Esta é sen dúbida unha das cualidades das obras maestras. Interpretada por: agrupación de corda, coros PEX, coro xuvenil e coro PEPA. Solista: Fernando Hernández.
  • MIÑA TERRA GALEGA (Lynyrd Skynyrd/J. Hernández). Outro dos himnos da movida, encumiado por Siniestro Total, que continúa estando máis presente a cada día que pasa. Interpretada por: agrupación de corda, coros PEX, coro xuvenil e coro PEPA.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Publicaciones relacionadas

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba